15 de feb. de 2022

Día da muller e a nena na Ciencia: Avanzando cara a igualdade

O venres 11 de febreiro conmemorouse o Día da muller e a nena na Ciencia. Con tal motivo asistimos a unha charla organizada por Faro de Vigo: "Ciencia en feminino"

Lara García e Cristina Álvarez faláronnos das súas experiencias como científicas xa que ambalas dúas traballan en diferentes profesións relacionadas co mar. Luísa Martínez, doutora en Ciencias do mar que desenvolve a súa actividade no CSIC, foi a moderadora.

Resultou interesante saber que Lara García (técnica de apoio á Investigación no grupo de tecnoloxía e Biodiversidade Mariña do Instituto de Investigacións Mariñas) gañara un concurso co traballo sobre a reprodución do cabaliño do mar.

Sobre Cristina Álvarez (técnica da Unidade de Tecnoloxía Mariña), resultou curioso saber que, pese a que se lle detectara unha enfermidade nos ollos non abandonou o seu soño de dedicarse á investigación. Resiliencia, unha palabra que traballamos a míudo na aula.


A nosa admiración por estas dúas científicas que compartiron as súas achegas cos escolares.

O calendario científico escolar elaborado polo CSIC permitiunos coñecer o traballo de moitas científicas ao longo do tempo. Esperamos que Lara e Cristina formen parte do calendario en anos vindeiros.

Grazas pola vosa achega e por compartir con nós as experiencias vividas e, grazas por contestar a nosa pregunta enviada desde o chat. Alegrámonos de que non tiverades caído nunca ao mar nas vosas expedicións!

Os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe García Barbón desexamos que teñades afouteza para seguir coa vosa labor de investigación e agradecemos as vosas achegas.

Parece mentira que, en pleno século XXI teñamos que adicarlle un día a visibilizar as mulleres na ciencia e ter que romper cos roles de xénero. Esperamos que na ciencia, coma en outras materias avancemos cara a igualdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario