28 de maio de 2017

CONCURSO LITERARIO NO CEIP GARCÍA BARBÓN

Os días 24 e 25 de maio foi a entrega de premios do concurso literario organizado polo equipo da biblioteca e no que tamén colaborou este equipo. Este ano o concurso tiña presente a Carlos Casares e, así as historias elaboradas polo alumnado de 3º e 4º debían iniciarse cunha frase do libro " O can Rin e o lobo Crispín" e a categoría dos maiores iniciabase cunha frase da obra " O galo de Antioquía". Deixámosvos unhas fotos dos gañadores, mostrando satisfeitos os seus cheques canxeables por libros en galego nunha librería da cidade. Noraboa aos gañadores! 
GRAZAS a todos os participantes!


Premiados no concurso literario do ano 2017 on PhotoPeach

17 de maio de 2017

COÑECEMOS ASPECTOS DA CULTURA GALEGA A TRAVÉS DA MÚSICA

O alumnado de 4º de Educación Primaria empezou a semana das Letras Galegas coñecendo diferentes instrumentos musicais da man de Tere Santamaría, compoñente do grupo SonDeSeu (trátase dunha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea, que naceu en Vigo no ano 2001).
Da man de Tere comprobamos como se pode facer música co noso propio corpo. Unha boa parte do alumnado tocou unha xota dando palmadas nas pernas, no peito e unha palmada final seguindo o ritmo marcado pola nosa invitada. O máis sorprendente da actividade é que se repetíamos interiormente “ Ana come pan” ao tempo que facíamos as palmadas era moi sinxelo seguila!
Tamén nos amosou como tocar unha muiñeira con instrumentos pobres coma o morteiro de madeira, ou coas tarrañolas de madeira ( explicounos que antes se empregaban as costelas de porco en lugar das tarrañolas).
Durante a sesión cantounos unha xota, acompañada pola pandeireta, recollida da tradición oral en Vilar de Cabeiras na zona de Arbo . O alumnado de 4º facíamos os coros cantando o retrouso da peza musical.
Nesta sesión tivemos un achegamento á cultura musical galega da man de Tere,  coñecemos como a nosa cultura musical é moi semellante á cultura musical irlandesa e comprobamos qué fácil é vivir a música cando nola explica unha persoa que a vive e a disfruta plenamente.

Grazas pola túa colaboración desinteresada e polo teu entusiasmo nas explicacións!
A cultura musical galega on PhotoPeach

14 de maio de 2017

8 de maio de 2017

CARLOS CASARES

Unhas das actividades realizadas no colexio para coñecer ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas é a que se presenta a continuación. Trátase dunha animación realizada a partir do conto da Galiña Azul. O traballo realizouno o alumnado de dous grupos do cole ( 5º A de Educación Infantil e 4º A de Educación Primaria) xunto coas súas titoras. Grazas a todos eles por compartir o seu traballo! E NORABOA polo ben que lles quedou!