17 de nov. de 2015

PREMIO LAZARILLO





O pasado día 13 de novembro fallouse en Madrid o Premio Lazarillo 2015 na súa modalidade de creación literaria, convocado  pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte da que resultou gañadora LEDICIA COSTAS coa obra titulada Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante.
Este prestixioso galardón, o máis antigo da literatura infantil e xuvenil, foi convocado polo extinguido Instituto Nacional del Libro Español no ano 1958 co fin de estimular a creación de bos libros para nenos e rapaces. Desde o ano 1986 é a OEPLI a encargada de convocalo anualmente,  nas modalidades de “Álbum Ilustrado” e  “Creación literaria”.    
O xurado destacou que a obra gañadora é “Unha novela ben escrita, cunha narración fluída, unha estrutura moi ben conseguida, unha boa linguaxe literaria, e onde a realidade constrúe unha ficción que lle dá un aire de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura”.
Escritora galega licenciada en dereito. Publicou, entre outras obras: Unha estrela no vento (Xerais, 2008), Recinto Gris (Xerais, 2014), incluída na Lista de Obras recomendadas para persoas con discapacidades do Centro IBBY (International Board on Books for Young People); O corazón de Xúpiter  (Xerais, 2015), coa que obtivo o  Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro Infantil e Xuvenil, e o Premio da Asociación de Escritores e Escritoras en lingua galega á mellor obra de literatura infantil e xuvenil), e  Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais, 2014) coa que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil, o  Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de literatura infantil e xuvenil, o Premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores ao mellor libro infantil e xuvenil, incluído na Lista de Honra do IBBY 2016, e o Premio Nacional de Literatura Infantil y Xuvenil. Como poeta, publicou a obra Xardín de inverno (Everest, 2012).
Recentemente acaba de publicar en Tambre-Edelvives a obra Inmundicia e Roñoso, e no eido da narrativa para adultos Un animal chamado néboa (Edicións Xerais), libro de relatos ambientados na II Guerra Mundial.
JULES VERNE E A VIDA SECRETA DAS FEMMES PLANTE
Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante é unha obra ambientada no Vigo do S.XIX. Nela recréase unha das visitas de Jules Verne á cidade cuxa ría o inspirou para escribir un dos episodios de 20.000 leguas baixo dos mares. Porén, en contra do que acredita a documentación da época, esta visita de Verne a Vigo no ano 1884 non é fortuíta. O escritor chega á cidade porque está seguindo o rastro das misteriosas mulleres planta.




Ningún comentario:

Publicar un comentario